Baila ao redor da túa sede

Cuaresma III | Enrique Mirones | 2017

castellano

No itinerario coresmal, escoitamos hoxe un fermoso relato que nos convida  a volver visitar as nosas sedes e a auga que buscamos para sacialas. Os catecúmenos que serán bautizados na noite pascual, na liturxia de hoxe, achéganse ao simbolismo da auga bautismal.

Chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob ao seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentouse onda o pozo. Era ao pé do mediodía. Chega unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle: – Dáme de beber. (Xn 4,5-7)

Xesús está canso e sedento e pide auga á muller. A primeira sorpresa é que o autor do evanxeo quixo integrar no seu relato dúas necesidades básicas de Xesús (o descanso e saciar a sede) e o seu desexo de satisfacelas. Adoitamos desvalorizalas, coma se formasen parte dunha dimensión menor da súa vida, a súa humanidade. Simone Weil, filósofa e mística, interprétao doutra maneira:

Cristo curando aos tolleitos, resucitando aos mortos, etc.: esa é a parte humilde, humana, case baixa da súa misión. A parte sobrenatural é o suar sangue, o desexo insatisfeito de consolos humanos, a súplica por salvar a vida, o sentimento de ser abandonado por Deus. (…) «Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?» Aí está a verdadeira proba de que o cristianismo é algo divino.

San Bernardo, ao escribir sobre a Encarnación do Verbo, di que El é «a luz apagada, a palabra enmudecida, a auga sedenta, o pan famento». Que quere dicirnos Bernardo con estas expresións paradoxais, que non podemos confundir cun artificio literario? Creo que está a tentar transmitir a súa propia experiencia do Misterio de Deus. É que Deus é auga porque é pura sede, é presenza porque é ausencia, é Palabra porque é silencio… A abundancia de Deus é a súa mendicidade. Queres atopalo? Avanza polo camiño da túa sede, avanza por onde non ves nin sentes, e escoita o silencio como o sentinela que espera a aurora.

Sentir sede é unha experiencia difícil. Existen moitas sedes nas nosas vidas (cada un coñece as súas): a falta de esperanza e de horizonte, un cotián pesado e sen sentido, a carencia de afecto, unha enfermidade, unha memoria que segue atormentándonos… Cando abandonamos as nosas narrativas defensivas e nos permitimos sentir o que levamos dentro, emerxe o mapa das nosas sedes. E o que todos desexamos é apagalas o máis rapidamente posible.

Xesús, o sedento, atopámolo xunto aos pozos onde imos correndo cos nosos cubos para saciar as nosas sedes: «Se ti coñeceses o don de Deus». El sabe que, en definitiva, a nosa sede é só unha.

Benaventurados os sedentos!, porque vivirán en camiño cara á fonte. No camiño cara á fonte, descubrimos que a nosa sede é o noso pozo. Podemos vivir da nosa sede, porque ela é o lugar do encontro co Sedento. Baila ao redor da túa sede; fai a festa máis improbábel. A túa sede é unha fonte que corre en ti para a vida eterna.

Hai un verso de Thomas Merton que podería ser dito por Xesús:

Se na calor non atopo auga para a miña sede,
mananciais a miña sede che dará, pobre viaxeiro.

Xesús encárnase na nosa historia como auga sedenta e vaise de no medio de nós sedento.

Sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: – Teño sede! (…) – Está cumprido! E, inclinando a cabeza, entregou o espírito. (Xn 19,28.30)

A sede é a condición de Xesús. A sede é a condición dos seus discípulos. A sede é a condición de todos os seres humanos. A auga, aquela que Xesús nos dá coa promesa de que non volveremos a ter sede, é a súa máis profunda comuñón coa sede de cada un de nós.

Da túa sede fixeches manancial. A túa sede é a miña fonte. Oh milagre pascual!

A miña alma ten sede do Deus vivo:
cando verei o rostro de Deus? (Sal 41,3)

8 comentarios en “Baila ao redor da túa sede

  1. Pedro Garciarias dijo:

    QUERIDOS HERMANOS, es verdad, somos centinelas…esperamos la aurora. Somos pequeños… seguro que lo que «no es ná»…pero siempre DE DIOS.

  2. Pedro Garciarias dijo:

    La pintura, de hoy, de Enrique me sobrecoge…cada día, sin que digamos algo, lo dice TODO: Gracias, solo desde la cruz se puede pintar así!

  3. Molo. dijo:

    Mucha puntilla y brocado en este comentario a un Jesús sediento y cansado a quien no le resuelve su afán de misión de vida..

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.