O destino humano segundo o plan de Deus é algo moi fermoso. A carta ós Efesios que se nos acaba de proclamar nos fala dese destino cargado de esperanza e de gloria, de alegría perfecta e sen fin. Hoxe estamos a celebrar precisamente iso.
A Ascensión do Señor non é para nós un afastamento da historia porque El sigue presente no medio de nós, senón que é a culminación dun camiño, dun traballo duro e arduo en favor da humanidade. Xesús de Nazaré é a nosa esperanza cumprida, a perfección de todo esforzo humano por construír un mundo mellor para todos. Non temos que ter ningún sentimento de orfandade porque connosco queda a esencia da súa vida: quédanos a súa palabra, os seus pasos pola nosa historia, a súa memoria, e, o que é mais importante, a forza do seu Espírito.
A solemnidade de hoxe nos fala de triunfo. O que morreu na cruz foi resucitado e exaltado a gloria do Pai. Esta é a herdanza dos santos, a herdanza de tódolos homes e mulleres. Triunfo, pero non “triunfalismo”. Esta e a clave da Ascensión. O que subiu é o que baixou a traballar pola vida, o que se mergullou alí onde conflúen tódolos regatos da miseria humana. Con Xesús de Nazaré Deus deixa de ser para a humanidade aquel ser afastado e temible para se facer próximo, e amigo entrañable na vida dos crentes.
A partir de Xesús de Nazaré a lectura que fagamos da vida teñen que ter a mesmas coordenadas. Si para El o único importante, o mais querido e sagrado foi iniciar e consumar a liberación dos homes e mulleres de toda escravitude, ese traballo é o que nos toca facer agora a nós, e todos sabemos o difícil que é loitar pola liberdade e benestar das persoas. Por iso a nosa fidelidade a Xesús Cristo pasa por unha fidelidade a terra, a súa humanidade e a unha profunda sensibilidade ecolóxica. Temos que dar resposta a unha terra que clama por ser liberada de tanta escravitude, sedenta de paz, famenta de xustiza, temos que ser fieis ós homes e mulleres e ás súas aspiracións de ter unha vida digna como seres humanos. O contrario sería traizoar a vida é a palabra do Mestre e Señor.
¿Sabéde-lo que costa soster de fronte a fría mirada da indiferenza, a fría mirada do mal? Pois a isto tivo que enfrontarse Xesús moitas veces ó longo da súa vida, e coma El moitos homes e mulleres ó longo da historia tiveron que sufrir esas miradas arrepiantes. E este é un dos traballos mais duros e penosos que temos que realizar os cristiáns. Por iso, ollando para o ceo non nos imos a atopar a ningún deus que nos axude. El está precisamente alí onde moitas veces non queremos ollar, onde moitas veces non queremos ir. El nos somerxe no corazón das masas, pon a súa Igrexa no centro de toda miseria humana, no medio de toda dor e frustración. Pensade no tempo presente cheo de puntos vermellos con miseria e dor que parece que nunca van ter un final, cuxos berros e xemidos son os do Espírito de Xesús que clama dende as entrañas dos homes e mulleres do mundo, berros que a Igrexa ten que escoitar e elevar a súa voz denunciando tanto sufrimento gratuíto. Si non facemos isto non estamos nas coordenadas de Xesús de Nazaré.
Se queremos ser testemuñas desa gran esperanza que é Cristo Xesús para nós, desa gloria que un día gozaremos, se queremos facela crible no mundo, temos que face-lo que El fixo: deixar de predicarnos a nós mesmos, deixar de crernos o embigo do mundo, deixar de adorar e de tremer ante as institucións políticas e relixiosas e seguir construíndo con ilusión o reino de Deus. Posiblemente moitas veces teremos que somerxernos nun mar de dúbidas, pero hai mais fe nunha dúbida honesta, crédeme, que en tódolos credos relixiosos. Porque moitísimas veces nos veremos obrigados a cuestionar a actitude doutrinaria de quen, cos ladrillos da ortodoxia, erguen muros detrás dos que agachan súa incapacidade para entenderse coas persoas.
Somos chamados a unha plenitude que tivo un proceso na vida de Xesús de Nazaré e agora o ten tamén na nosa. Non é doado de perdernos en contemplacións vanas e discursos bizantinos. Se nos pide loitar pola vida dos homes e das mulleres, loitar pola súa dignidade de irmáns e irmás de Xesús Cristo Resucitado e Exaltado que nos acompaña nesta tarefa da Igrexa da que El é cabeza e plenitude.
Gracias
Si, amigo entrañable, ¡ qué detallito ! , lo cambia todo.
“De noche iremos, de noche, que para encontrar la fuente, sólo la sed nos alumbra “. – Luis Rosales.
Gracias .
Contundente homilía de cómo tenemos que hacer los cristianos. Ardua encomienda la que nos brinda la Ascensión. Hay mucha tarea….. MUCHAS GRACIAS.
Magnífico!!! Graciñas