O pastor que ve a beleza do corazón humano

Château de Malleret (Francia) | Sylvain Dubuisson

 

Texto en castellano

«Ti es o máis belo dos homes,
nos teus beizos derrámase a graza.» (Sal 44,3)

O adxectivo grego Kalós só secundariamente significa “bo”, tendo como primeiro significado “belo”. Sería máis correcto dicir “o belo pastor”. «Eu son o belo pastor» (Xn 10, 11). Bo e belo din, á vez, o ser de Deus e a vocación humana: «cando El apareza nós seremos coma El» (1 Xn 3, 2). Deus maniféstase na bondade e na vida bela de Xesús. Maniféstase e catívanos.

Xesús é o pastor belo porque é o pastor de prostitutas e de publicanos, dos que se senten condenados polos seus propios erros, de ladróns e corruptos, de fracasados e de desprezados, dos dominados polos seus demos… porque ve máis alá das aparencias, ve co corazón, e por iso sabe que cada ser humano é pura beleza. Fai de todo para recuperar unha vida, para pór de manifesto a beleza de cada un. O belo pastor vai en busca de todo o perdido e de todo o escravizado porque el é o pastor que nos fai libres. Deixa as noventa e nove ovellas e vai en busca dunha que se perdeu. O seu corazón conmóvese con todos os que se perden.

«Escoita, filla, mira; olla e atende,
esquece o teu pobo e a casa de teu pai:
o rei está prendado da túa fermosura:
réndete a el, pois el é o teu señor.» (Sal 44, 11-12)

Celebramos hoxe o pastor bo e belo, unha vida profundamente ferida e resucitada. «Xesús é a pedra que refugastes vós, os construtores, e que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar» (Feit 4, 11-12). O que tantas veces desprezamos, tamén en nós, é o que paradoxalmente garda a ledicia e a experiencia da salvación. Celebramos a beleza na desfiguración e o encontro na perda. Unha beleza que a morte non anulou, senón todo o contrario: a morte abrazada con amor, porque é doazón, é en si mesma beleza. «Ninguén me quita a vida, non, eu douna voluntariamente.» (Xn 10, 18)

A beleza non é o bonito, non é o sentimental, non é a harmonía fácil do superficial, non é a máscara adornada… a beleza é o profundamente humano, a complexidade do humano, a autenticidade do deforme e do inacabado na experiencia humana, a beleza é o sorriso dos nenos, pero tamén é o berro de dor… é a vida crúa e espida. A beleza é poder vivilo todo con verdade, sen necesidade de maquillalo, porque non hai nada que poida separarnos do amor de Deus. A beleza é sentir que a miña vida está conectada co Todo que me transcende e, á vez, sostenme como o abrazo dun amigo, un amigo ferido e encantado coa vida. A beleza é descubrir un fío amoroso que atravesa a historia, mesmo no medio do caos e do abismo, e que é captado e celebrado no corazón humano. A beleza é o punto de unión entre o visible e o invisible.

O belo pastor é como o murmurio dunha brisa suave que só o home interior pode captar. Captar na intimidade do seu corazón e celebrar como a alegría máis profunda da súa existencia, pase o que pase, na escuridade invernal ou no fulgor primaveral. O bo e belo pastor xamais foxe, xamais nos abandona. Aínda que ás veces nos custe crelo: non somos seres abandonados, senón profundamente amados, nós e todos os seres humanos, empezando polos que viven nos lugares máis inhóspitos do mundo. Hai xente que morre sen saber que é amada, pero éo. Os discípulos do bo pastor, só podemos ser amantes da vida, aínda que pareza que son a morte e o odio os que teñen a derradeira palabra. Todos estamos chamados a ser bos pastores da vida, da alegría, da paz… 

Unha posible tradución contemporánea para esta imaxe do bo pastor é a cultura do coidado, que o papa Francisco define como compromiso común, solidario e participativo para protexer e promover a dignidade e o ben de todos, como unha disposición á atención, á compaixón, á reconciliación e á recuperación, ao respecto e á aceptación mutuos, sendo un camiño privilexiado para construír a paz.